Inicio



O noso grupo de investigación nace por mor da decisión da Universidade que nos acolle, Santiago de Compostela, de dar entidade propia e singularizada aos investigadores/as que traballan de xeito conxunto e coordinado en diversas liñas de investigación. As nosas liñas céntranse en diversos aspectos relacionados co Dereito Público, pretendéndose abordar unha serie de temas dende unha perspectiva eminentemente científica, pero sen descoidar por iso unha visión actual, práctica, e social. De aí nace precisamente o nome do grupo, que pula por un tratamento da xustiza desde un punto de vista social, estudando, e traballando para todo aquilo que a sociedade nos reclama como xuristas.


Con esta pretensión, os/as nosos/as destinatarios/as son variados e os nosos obxectivos tamén:

As/Os estudantes, pois o grupo nútreo un grupo de profesoras/es universitarios que levan anos dedicados á docencia.

As/Os profesionais do dereito, xa sexan académicos ou dedicados a calquera das profesións xurídicas, pois a investigación foi e é a nosa principal vocación, xa desde os primeiros anos da nosa carreira universitaria.

A sociedade en xeral, tanto para quen poida requirirnos para complementar os seus coñecementos ou afianzar as súas pretensións, como para quen, non demandando nada, son, coma cidadanía, lexítimos/as destinatarios/as dos resultados da nosa investigación e traballo.

 
Así ben, os obxectivos do grupo de investigación son achegar:

Unha ferramenta útil aos/ás estudantes da Universidade de Santiago de Compostela. A docencia é unha función complexa que require non só dos coñecementos dos/das que a imparten, senón de instrumentos que coadxuven á transmisión dos devanditos coñecementos. A través da web do noso grupo de investigación, pretendemos ofrecer o servizo que o/a estudante require para adquirir as competencias propias dun/dunha licenciado/a, proximamente graduado/a en Dereito.

Información doutrinal e xurisprudencial actualizada aos/ás que dediquen a súa vida profesional ao Dereito. Trátase de ofrecer artigos doutrinales, sentenzas, normas que sirvan á actualización de coñecementos.

Servizos xurídicos a avogados/as, empresas, administracións e institucións en xeral, a través da elaboración de informes, ditames, ou estudos que se nos requiran, así como executar proxectos ou concorrer a convocatorias das Administracións Públicas.

Traballo con colectivos desfavorecidos, isto é, grupos de persoas que por diversas razóns, económicas, laborais, étnicas, culturais, persoais, familiares, de xénero, educativas, físicas, psíquicas, de idade, etc., non teñen a oportunidade de acceder a determinados servizos sociais dos que outros gozan sen dificultade, e que resultan fundamentais para a socialización das persoas.

 

Non atopamos mellor xeito de presentar o noso grupo que o de contarvos os nosos proxectos, aínda que xa levamos tempo realizándoos dun xeito individual. Hoxe cremos que facelo de xeito conxunto, ofrecendo diversidade, axudará á obtención de mellores resultados. En todo caso, outra información que podades requirir tamén vola ofreceremos ao longo da páxina web. Esta só pretende ser unha presentación dun grupo de investigadores que utilizan unha ferramenta máis no seu traballo por e para a sociedade.